A Consellería de Industria e a Universidade de Vigo colaboran na execución do proxecto, que conta cun orzamento de máis de 317.000 euros.
O Consello de Goberno autorizou este xoves a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Innovación e Industria, a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e a Universidade de Vigo para a execución do proxecto piloto Desenvolvemento da Empresa Galega, en doce pemes durante este ano 2007.
A consellaría e a fundación dependente desta, achegarán á Universidade de Vigo un total de 317.041,92 euros para o desenvolvemento da iniciativa.
O obxectivo é a mellora da capacidade competitiva das pemes galegas co fin de aumentar a súa penetración nos mercados internacionais, e crear as condicións para que o talento desenvolvido nas universidades de Galiza encontren emprego no país.
Metodoloxía do programa
Deste xeito, a Universidade de Vigo elaborará a metodoloxía e deseñará a articulación inicial do proxecto piloto, para posteriormente realizar as actuacións previas ao seu desenvolvemento. Así, en cada unha das doce empresas seleccionadas procederase á declaración previa da visión, análise e predeseño, deseño e elaboración destas.
Nunha primeira fase de actuación deseñarase e artellarase o proxecto, e xa nunha segunda fase crearase en cada empresa un Equipo de Desenvolvemento Estratéxico para pór en marcha o cambio estratéxico que a empresa decida emprender.
Neste marco, realizaranse accións formativas e elaboraranse os primeiros borradores de traballo. Xa nas seguintes fases, procederase á elaboración dos distintos mapas estratéxicos do cambio perseguido e, por último, redactarase o documento definitivo que recolla a declaración da visión estratéxica da peme e os programas coas accións de mellora que se van implantar.