Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
COORDINADOR DO "SONGALIZA"

Xosé Mari Sancho: "Aínda hai moito camiño a facer, e nós estamos a camiñar"

O primeiro Ciclo de Música de Galiza en Catalunya ten moita xente e moito traballo detrás. O seu coordinador, Xosé Mari Sancho, fálanos del nesta entrevista.

Xabier Paradelo - 08:00 09/05/2007

Xabier Paradelo: Como xurdiu o SonGaliza?

Xosé Mari Sancho: Xurde coma unha proposta aliñada coa idea de ofertar a Catalunya unha nova visión de Galiza e todo o que se esta a facer nela ó marxe das visións clasistas, folclóricas e redundantes dos tópicos que ás veces nós mesmos estamos a vender.

X.P.: Na rolda de prensa do pasado luns falaches de crear pontes entre Galiza e Catalunya, como se concreta isto no SonGaliza?

XM. S.: A concreción pódese ver no mesmo programa: participación das aulas galegas nos espazos das aulas de música tradicional catalás, participación conxunta de grupos de ámbalas dúas partes, oferta aberta á participación de alumnos cataláns nos talleres, etc... Neste caso tamén cumpre subliñar a dobre vertente do festival, que se podería ver concretada o vindeiro ano cun ciclo das mesmas características onde grupos cataláns, talleres, debates, exposicións, etc, fixeran o seu desembarco en Galiza tal e como as institucións deixaron indicado que sería o seu desexo para dar continuidade a iste intercambio de sinerxías.

X.P.: O apoio institucional dende a Xunta e dende a Generalitat parece importante. Como ves a implicación das institucións?

XM. S.: Rede.Cat -que é quen organiza coa colaboración das institucións-, é de recente creación. Máis que isto non leve a equívoco. A xente que esta a traballar nela, en todas as entidades que artellan esta rede, levan anos, décadas, a traballar a prol da cultura, do desenrolo social do pais. A implicación das institucións é unha aposta por un xeito relacional diferente ó que se tiña ata agora e sempre son de supor certas reticencias primeiras, que nós xa vemos solventadas en tanto en canto no que se refire á implicación. Xa estamos no mapa institucional cunha bandeira visíbel que erguemos entre todos. Aínda hai moito camiño a facer, e nós estamos a camiñar. SonGaliza é un exemplo de participación e colaboración entre institucións que se vencellan a través del cun proxecto común.

X.P.: En diversos medios galegos tense falado do dinamismo galego en Catalunya. Que opinas de como se percibe en Galiza o activismo galego en Catalunya?

XM. S.: Catalunya sempre foi un referente no que fai a dinamización e novas tendencias. Moitos dos máis insignes galegos pasaron por eiquí e deron forma ás ideas que logo desenrolaron na terra. Agora ben, é moito máis sinxelo traballar onde te deixan facelo sen problemas, sen trabas, que alá onde calquera expresión de cambio semella ás veces un ataque ó establecido e, polo tanto, ten que ser sometido, eliminado o expulsado ó exilio.
Hoxe poderiamos seguir falando de Catalunya coma un espazo para a forxa dos novos galegos e gustaríanos crer que nós facemos un pouco ás veces de escola.

X.P.: É certo o que se di que ao redor do movemento "Prestige" se deu un punto de inflexión?

XM. S.: Eu diría, e é unha interpretación neste caso persoal, que cumpría un detonante que levara adiante un cambio de mentalidade na Galiza e nos galegos; que perderan o medo a saír a rúa, ás mobilizacións cidadás, a crear colectivos e plataformas para reivindicar os seus dereitos. Os movementos que xurdiron ó redor da catástrofe foron unha gran oportunidade....seica... ¿soubérona aproveitar ou aproveitáronse algúns poucos, coma sempre de novo, dela?

X.P.: Como ves o SonGaliza en vindeiras edicións?
XM. S.: Véxoo máis dinámico, menos bidireccional e máis mesturado ata ter forma propia. O café e o leite unha vez mesturados, non se poden separar e o resultado é único.

X.P.: Se tiveses que explicar que é Rede.cat a alguén que non coñecese o movemento cultural galego en Catalunya, que lle dirías?

XM. S.: Que se achegue a nosa axenda. Que participe con nós, como de feito xa fai moita xente. Rede.cat tense que vivir participando do intercambio e da creación. Ofertamos participación no proxecto, non só nos actos. Está para artellala entre todos os que se acheguen con vontade de crecer.

X.P.: Moitas grazas.
XM. S.: A vós.


Ligazóns

4,45/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: