Hai trinta anos os veciños da marisma carballesa de Baldaio libraban unha loita contra unha empresa que extraía áridos naquela paraxe.
Un 8 de maio de 1977 as rúas de Carballo eran testemuña da manifestación máis emblemática da historia da vila. Aquela xornada, máis de 5.000 persoas protestaban pola polémica concesión extractiva a unha empresa areeira na marisma de Baldaio. Ducias de axentes da Garda Civil, chegados de toda a provincia, disolveron a golpe de mosquetón os manifestantes.
Porén, a xénese daquel conflito era moi anterior. No ano 1941 tres empresarios da zona conseguiran unha concesión de seis hectáreas da marisma para instalar un criadeiro de ameixa. O problema agudízase en 1971, cando os mesmos concesionarios constitúen a empresa “Baldayo, S.L” que vai dedicarse a extraer area. Axiña se comproba que a concesión marisqueira é xa só unha tapadeira para o moito máis proveitoso negocio de extracción de áridos.
Protestas
Os veciños consideraron que a empresa estaba a acabar co seu medio de vida, que en moitos casos era o marisqueiro, e comezaron as mobilizacións. Así, no ano 1976 comezaron a paralizala actividade da empresa e esta contraatacou contratando gardas xurados para impedir o acceso dos veciños ao espazo público. Os enfrontamentos entre vixilantes e veciños foron constantes. Un dos episodios máis negros foi o que sufriu Manuel Rodríguez. Os gardas xurados obrigárono a camiñar quilómetros cun saco de berberechos ao lombo até o cuartel da Garda Civil. Rodríguez, que xa padecía unha doenza crónica, morreu pouco despois.
No ano 1977 os afectados entran en contacto con cadros das Comisións Labregas e da Asamblea Nacional-Popular Galega, AN-PG. Un deles, Moncho Valcarce, o chamado “crego das Encrobas”, convértese rapidamente nun dos líderes do movemento veciñal. O mesmo 8 de maio dese ano, logo da protesta en Carballo. Os manifestantes dirixíronse á marisma onde se repetiron as cargas da Garda Civil. Entre os numerosos detidos atópase de novo Moncho Valcarce.
As protestas continuaron e chegaron á súa máxima expresión en 1978. As máquinas de extracción da area apareceron queimadas e as comportas reabríronse. A marisma volvía abrirse ao marisqueo e a extracción de áridos quedaba paralizada.
A retrospectiva
O que hoxe é alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, era daquela un mozo que tamén participaba nas protestas. O rexedor nacionalista recoñece que aquela loita foi un fito na historia da bisbarra de Bergantiños e que serviu para poñer freo á destrución desta valiosa paraxe.
Ferrero sinala que a actualidade da marisma de Baldaio é ben diferente. A aposta do consistorio é a de combinar a actividade marisqueira dos veciños coa posta en valor dunha zona coñecida pola súa riqueza paisaxística e tamén de fauna. De feito este é un pequeno paraíso para os ornitólogos.