Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Outra iniciativa municipal vai destinada ao persoal do Concello

Unha campaña en Compostela promoverá a transmisión familiar da lingua

A Concellería de Política Lingüística de Santiago de Compostela presentou unha proposta para incentivar o uso do galego nas familias, ademais de outra para unificaren os criterios lingüísticos de uso no Concello.

Redacción - 17:37 08/05/2007
Cartel da campaña

Cartel da campaña

O concelleiro Manuel Portas presentou unha campaña que terá como obxectivo difundir o emprego do idioma nas familias, para evitar a ruptura da cadea de transmisión xeracional que foi a tendencia dos últimos anos, coa consecuente perda de falantes. A campaña abrangue dende a etapa do embarazo até que o nome do novo cidadán ou cidadá é inscrito no Rexistro Civil. Trátase de sensibilizar aos pais sobre as vantaxes de que os seus fillos teñan competencia lingüística en galego, e a importancia de instalárense na lingua de forma temperá, mesmo como porta de acceso a outros idiomas.

A primeira etapa, baixo o lema "Son un bebé galego", coincide co período do embarazo, e quere concienciar aos futuros pais e nais. Distribuiranse 10.000 folletos en clínicas xinecolóxicas, matronas, ou tendas de roupa e material para bebés. Nesta iniciativa colabora a Área Sanitaria de Atención Primaria de Santiago. Despois, xa pensando no momento do parto, a campaña leva a mensaxe "Fálame, fáloche", e consiste na difusión dunha carpeta informativa que inclúe un babeiro con palabras usuais nos primeiros meses de vida. Por último, co lema "Son un cidadán/á galego/a", desenvolverase unha campaña "recordatoria" da necesidade de galeguización dos nomes, coa distribución de 1.000 bonecos de peluche entre os pais e nais cando acudan ao Rexistro Civil.

Tamén para o persoal municipal

Presentouse tamén outra campaña dirixida a implicar directamente ao persoal do Concello no proceso normalizador e mellorar a súa competencia lingüística. Sistematizar o servizo interno de asesoramento lingüístico, unificar os modelos de documentos e elaborar indicacións claras de estilo e corrección lingüística, ademais de actualizar os coñecementos normativos, consonte aos cambios do 2003, son os obxectivos principais. Editáronse xa 2.000 exemplares dun Libro de Estilo, onde se recollen criterios lingüísticos, informativos, de presentación, un repertorio de documentos habituais, aspectos comunicativos, formais, etc. O libro será difundido entre os traballadores e traballadoras do municipio, e os contidos fixaranse por medio dun curso, distribuído en dúas quendas: unha os días 10, 11 e 16 de maio, e outra do 21 ao 23 de maio.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: