Expertos en novas tecnoloxías expoñerán o xoves no Cultur.gal as últimas tendencias na difusión de contidos a través da internet.
Logotipo de I+C
As consellarías de Cultura e Deporte e Innovación e Industria máis o Consello da Cultura impulsan a xornada I+C. Oportunidades e desafíos para a cultura galega en internet, que se vai desenvolver o xoves no marco do Cultur.gal, en Pontevedra. Expertos en comunicación dixital darán a coñecer as ultimas tendencias en difusión cultural a través dos novos medios.
A partir das cinco e media da tarde comezará no Pazo de Congresos e Exposicións da cidade do Lérez a xornada, centrada no debate e na reflexión. Na primeira conferencia participarán Chus Martínez, do Proxecto Edición, encargado de dixitalizar a obra de artistas contemporáneos galegos; Antonio Reigosa, xestor de Galicia Encantada, e Pedro Saco, responsábel da dixitalización da zona histórica de Compostela.
Despois, Luís Hernández, organizador do Festival Mundos Dixitais da Coruña, explicará as claves do entretemento dixital do futuro; Manuel Gago, de CulturaGalega.org, sobre os produtos culturais na web, e Carlos Santiago sobre a aplicación da rede nos movementos sociais.
Ao remate da xornada, arredor das oito do serán, o editor Víctor F. Freixanes entrevistará o comunicador Francis Pisani, profesor das universidades de Berkeley e Stanford e columnista semanal dalgúns dos xornais máis importantes do mundo.
Asemade, presentarase a publicación I+C, descargábel de balde na rede a partir do xoves, que conta con textos de autores como Fernando Garrido, Moisés Barcia, Xesús Iglesias, Francis Pisani, Pancho Casal ou Carlos Neira, entre outros, sempre arredor da cultura galega na internet. Os asistentes á feira recibirán exemplares en papel do libro.