Presentouse en rolda de prensa SonGaliza, o primeiro ciclo de música de Galicia en Cataluña organizado por Rede.cat.
Durante o acto tanto o Director Xeral de Difusión Cultural, Luís Bará, como o director do Centre de Promoció de la Cultura Popular i Tradicional Catalana, Ramon Fondevila, estiveron de acordo en que este ciclo é unha mostra da cultura tradicional viva e anunciaron que apoian a continuidade de SonGaliza nas vindeiras edicións. Ademais, as dúas institucións comprométense ao intercambio entre a música galega e catalá, repetindo a mesma fórmula de festival en Galiza.
Na intervención na rolda de prensa realizada onte pola mañá na Galería Sargadelos de Barcelona, Luís Bará afirmou que “quen queira coñecer o que pasa na música tradicional galega ten que pasar por SonGaliza” e subliñou “o dinamismo das entidades culturais galegas que conforman Rede.cat”. Pola súa banda Ramon Fondevila defendeu que “a cultura necesita crear redes e complicidades” e por iso, dixo, “o proxecto de SonGaliza é o que interesa agora”.
Este primeiro ciclo trae ao Palau de la Música Catalana e á Plaça del Rei unha interesante mostra da música galega e catalá. Na noite das mulleres, o venres 11 de maio, actúan Mercedes Peón, Nordestinas, que veñen cos seus traballos máis recentes, e mais Rosa Zaragoza, que ofrecerá unha escolma das súas cancións de muller. Ao día seguinte, o sábado 12 de maio, Berrogüetto comparte escenario co grupo catalán Dumbala Canalla, e o domingo 13 de maio pecha o programa Nova Galega de Danza.
Os concertos complétanse cun intenso programa de formación e intercambio de experiencias a cargo de recoñecidos especialistas na música tradicional galega e catalá. O coordinador do ciclo, Xosé Mari Sancho, que falou en nome de Rede.cat, anunciou que xa están cubertas as prazas para case todos os obradoiros deste primeiro SonGaliza. Así mesmo subliñou a vontade de potenciar sinerxias entre ambas as dúas culturas. Rede.cat non só quere dar maior e visibilidade á cultura galega de hoxe en Cataluña senón que tamén quere abrir pontes entre as dúas culturas e xa traballa en proxectos participativos e representativos que abrirán redes de coñecemento mutuo entre Galiza e Cataluña, e desenvolvidos nos dous territorios.