Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
UNHA FIRMA CREADA NA USC

Véndense partículas atómicas do país

Nanogap produce e comercializa nanoparticulas, útiles para fabricar roupa para hospitais e na industria electrónica

Manuel Vilas - 17:40 07/05/2007

Vender algo que non se pode ver non é unha tarefa doada. Pero ese é o traballo de Tatiana del Río, directora adxunta de Nanogap, unha empresa creada por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Nanogap comercializa clústeres cuánticos atómicos, unhas partículas diminutas que son empregadas, fundamentalmente, por equipos de investigación. Ademais tamén teñen aplicacións concretas, como fabricar roupa antimicrobiana para hospitais.

Así o explica Del Río nunha entrevista co portal de información para emprendedores Emprendia, na que tamén ofrece consellos para aqueles investigadores que estean pensando en lanzar a súa propia compañía.

Cal é a orixe da empresa? ...

A idea xurdiu a partir dunha patente, que desenvolveu o grupo de investigación Nanomag, da Universidade de Santiago, que levaba 20 anos traballando con nanoparticulas e magnetismo. A patente, de 2005, é basicamente un método de produción de clústeres cuánticos atómicos.


E que aplicación práctica teñen esas nanoparticulas?
Moi diferentes. Por exemplo, serven para desenvolver polímeros condutores, que son usados pola industria da electrónica. No campo do téxtil, pódense usar para fabricar fibras útiles para roupa usada en hospitais.

Quen son os clientes que poden estar interesados nas nanoparticulas?
Principalmente outros grupos de investigación. Tanto de universidades, como de institutos tecnolóxicos, que adoitan estar en contacto con empresas, polo que as nanoparticulas realmente xa se empregan cun fin práctico concreto. Ademais, tamén as compran empresas do sector médico, que teñen os seus propios grupos de investigación. Por outra banda, nós mesmos estamos empezando a desenvolver os nosos propios produtos baseados nelas.

Á hora de crear a empresa que barreiras vos atopastes?
A principal dificultade foi a falta de experiencia empresarial. O punto de vista dun investigador universitario é moi diferente ao do mundo dos negocios. Ti, como investigador, podes crear algo innovador, pero que, se cadra, non ten aplicación desde o punto de vista do mercado. Adaptarnos ao que esixe o mercado foi o máis difícil.

Que medidas deberían tomar as administracións para fomentar a creación de empresas a partir investigacións universitarias?
Deberían fomentar aínda máis o emprendemento, algo que se está facendo moi ben desde
Uniemprende. Tamén é necesario formar empresarialmente aos alumnos universitarios, tamén nas carreiras técnicas. Non é necesario darlles unha formación empresarial exhaustiva, pero se deben aprender os factores chave para montar unha empresa.

Imaxina que hai un grupo de investigadores que está sopesando a idea de lanzar a súa propia empresa. Que lle diría para animalos?
Comentaríalles que crear unha compañía é unha experiencia que merece a pena, é moi enriquecedor. Ademais diríalles que recibes moito apoio. Agora é un bo momento para lanzar unha empresa, hai moitas liñas de axuda tanto da Unión Europea, do Estado como das Comunidades Autónomas. Pero hai que facelo contando co asesoramento de profesionais, como foi o noso caso con Uniemprende. Existen moitas persoas con coñecementos empresariais necesarios que che poden axudar.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: