Os nacionalistas e os liberal-demócratas non chegaron a un acordo, debido ao rexeitamento dos segundos a apoiaren un referendo pola independencia de Escocia.
Malia que o líder do partido independentista escocés do SNP, Alex Salmond, manifestou a súa intención de seguir á procura dun acordo con algunha das forzas políticas con representación no parlamento de Holyrood, o rexeitamento do Partido Liberal Demócrata a formar parte dunha coalición cos nacionalistas fai prever que estes deberán de gobernar en minoría.
Nicol Stephen, líder dos liberal-demócratas dixo que a principal eiva para non compartir o poder co SNP é a intención dos nacionalistas de convocar un referendo sobre a independencia de Escocia do Reino Unido, algo ao que estes últimos non están dispostos a renunciar.
Coalición entre liberais e laboristas
Outra opción que se manexaba, a posibilidade dun goberno formado polo Partido Liberal e o Partido Laborista, que deixaría fóra ao SNP, foi tamén desbotada previamente por Nicol Stephens.
Os independentistas, vencedores das eleccións ao parlamento escocés do pasado xoves, conseguiron 47 escanos dos 129 que compoñen a cámara. Xa que logo, a maioría está estabelecida en 65. Os laboristas gañaron 46 escanos, os conservadores, 17, e os liberal-demócratas, 16. Ademais, os verdes obtiveron 2 asentos, e a independente Margo MacDonald, outro.