Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Inaugurouse 'Senescencia. Ignacio Pardo'

Videocreación e seminarios no CGAC

Ademais de gozar da mostra dun dos pioneiros da videocreación, Ignacio Pardo, tamén podemos achegarnos ao CGAC para reflexionarmos sobre o papel da crítica de na era dixital nuns seminarios.

Redacción - 14:09 04/05/2007

Profesionais da crítica de todo o Estado participan no seminario Artes de mediación: o papel da crítica de arte na era dixital, organizado polo CGAC coa colaboración da Facultade de Xeografía e Historia da USC e no seo do Proxecto-Edición. No momento no que vivimos, o predominio das novas tecnoloxías e a circulación de información afectan ao ámbito da crítica de arte actual. Cales son os roles nos que a crítica se move hoxe, ou que novos formatos, soportes e camiños concorren neste momento, son algunhas das cuestións que sairán a debate no transcurso dos seminarios.

A directora desta iniciativa, Natalia Poncela, propón "un percorrido polo ámbito da crítica de arte actual coa finalidade de catalizar os soportes empregados para a mesma e aqueles criterios e modos que habitualmente se usan neste ámbito complexo". Aquí podemos consultar o programa.

Vinte anos de videocreación

Ignacio Pardo (Lugo, 1947) amosa nunha exposición boa parte dos seus traballos recentes, así como algunha das pezas realizadas na década dos oitenta. Con Senescencia. Ignacio Pardo, o CGAC rescata a traxectoria singular deste artista que, durante as últimas dúas décadas, mantívose á marxe do circuíto artístico. A mostra, comisariada por Cristina Prego, recolle a produción do video-artista desde os anos oitenta e complétase cunha nova obra producida in situ para o centro.

A utilización do vídeo como medio de expresión, os seus obxectos de desexo visual e a a súa opción persoal á hora de se enfrontar ao mundo da arte provocaron que a obra de Pardo quedase á marxe dos circuítos expositivos e de exhibición. A súa estética é moi persoal, bebe de modelos da vangarda histórica, e aposta pola extravagancia.Así percorreremos a eclosión dos oitenta coa peza 'Parpadeo' na exposicion La imagen sublime (1987), promovida polo Reina Sofía e comisariada por Manuel Palacio, onde Pardo expuxo onda videoartistas de referencia como Antoni Muntadas ou Carles Pujol, ou puntuais, como El Hortelano ou Juan Navarro Baldeweg, ademais dos que serían protagonistas da movida Xavier Villaverde e Antón Reixa. De alí a ARCO (1988 e 1989), á Documenta de Kassel ou á Bienal de São Paulo.

Xa a mediados dos 90, outra mostra no Reina Sofía (Señales de video, comisariada por Eugeni Bonet) e Novos camiños. Ameazas e promesas da arte electrónica (Casa das Artes, Vigo, 1998) amosan a confluencia de erotismo e novas tecnoloxías. Nos últimos anos Ignacio Pardo bota man da animación 3D para alterar escenas, en traballos como 'Paseantes' (2003), nesa teima en constatar que as tebras, a morte, poden, en calquera momento, rachar coa fraxilidade da vida. No CGAC tamén veremos obras tan recentes como 'Vientre', 'Agua' e 'Fuego', realizadas en 2007.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Outra das imaxes de 'Mosca', de Ignacio Pardo
Outra das imaxes de 'Mosca', de Ignacio Pardo
Unha das imaxes da serie 'Mosca', de Ignacio Pardo
Unha das imaxes da serie 'Mosca', de Ignacio Pardo