Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Tras vinte meses no cargo

Santiago Domínguez marcha satisfeito polo seu traballo no deporte de base

O director xeral para o Deporte ofreceu unha conferencia de prensa en que fixo balance da súa etapa como director xeral para o Deporte, que remata este xoves.

Redacción - 17:22 02/05/2007
Domínguez, no centro, fixo balance da súa xestión, esta corta

Domínguez, no centro, fixo balance da súa xestión, esta corta

Nun encontro con xornalistas esta corta en Compostela, Santiago Domínguez fixo balance dos vinte meses en que estivo á fronte da Dirección Xeral, dos que dixo sentirse "moi satisfeito polo traballo honesto, sincero e honrado, e coa conciencia tranquila" polos obxectivos acadados. Ademais, salientou o seu labor a prol do deporte de base.

Domínguez, que abandona o cargo para optar a alcaldía da cidade de Vigo, comezou a súa comparecencia agradecendo a federacións, clubs, deportistas, administracións e empresas privadas o bo entendemento para o desenvolvemento do seu traballo á fronte da Dirección Xeral: "Agradezo de corazón todas as súas suxestións, colaboracións e críticas, que resultaron fundamentais para ir mellorando día da día o noso labor".

Neste senso, quixo deixar claro que "en ningún momento houbo ningunha acción en contra de ningunha federación, senón que todo o traballo realizado foi a favor da boa marcha do deporte galego."

Accións fundamentais

Santiago Domínguez quixo facer un percorrido polas políticas postas en marcha polo seu departamento durante estes vinte meses de traballo. Así, salientou a estrea das distintas seleccións de fútbol, baloncesto e balonmán "que me encheron de gran satisfacción, por canto supoñen de referente para as xeracións vindeiras".

Outro dos logros destacados foi a posta en funcionamento do primeiro equipo profesional ciclista de Galiza, o Karpin Galicia, que cualificou como "unha aposta moi forte nun momento moi difícil para o ciclismo, e que hoxe xa é unha realidade".

Domínguez falou da importancia de ter conseguido a saída da Vuelta Ciclista a España 07 dende Vigo que, segundo palabras do propio Domínguez, "contará case con total seguridade coa participación dun equipo profesional galego por primeira vez na historia.

Redistribución de recursos

Noutra orde de cousas, o director xeral para o Deporte incidiu na nova política de redistribución de recursos a clubs, deportistas e federacións, con novos criterios, malia recoñer que "é moi difícil que unha administración poida compensar o importante labor social dun club de base". No entanto, lembrou os históricos 14,7 millóns de euros que se destinaron, "por vez primeira na historia", a reforzar o deporte de base.

Noutro eido, tamén falou da remodelación do Deporte Escolar, que lle dotou de maior importancia á práctica deportiva en idade escolar dende a multideportividade, e buscando sempre o deporte como xeito de convivencia e non como fonte de competición, grazas a "boa coordinación establecida entre as Consellerías de Cultura e Deporte e a Consellería de Educación".

Grandes retos cumpridos

O Campionato de Europa de Piragüismo -"cuxas obras están sendo cumpridas en prazo, e estarán rematadas a finais deste mes"-, ou a organización en Vigo dos Campionatos Infantil e Cadete de Balonmán e Voleibol, foron outras das actuacións destacadas por Domínguez.

Segundo as súas palabras, estes campionatos "puxeron a Galiza na vangarda da organización de eventos, e como espello para outras comunidades, logo de ter participando a máis de 1.600 deportistas nun mesmo recinto".

Deporte de base

Neste senso, Domínguez Olveira destacou que, entre os máis cativos, o número de licenzas femininas nestes 20 meses incrementouse nun 15%, e o de persoas con algunha discapacidade, subiu tamén nun 10%, "un motivo polo que pensar que se está facendo un bo traballo".

Na súa despedida, Santiago Domínguez quixo destacar tamén que quedaban cousas pendentes, coma mellorar a axilidade burocrática no trámite de axudas, presentar un anteproxecto da Lei do Deporte de Galicia, e traballar coas federacións e cos clubs deportivos para axudarlles no eido da programación ou da contabilidade.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: