Tras trescentos anos de dependencia, Escocia afronta -curiosamente dous días despois do seu aniversario de voda con Inglaterra- uns comicios electorais que poden supor o primeiro chanzo cara ao divorcio.
O 1 de maio de 1707 entraba en vigor o Tratado da Unión, que estabelecía a creación dun novo Estado, o Reino da Gran Bretaña, formado polas monarquías inglesa e escocesa, e lexislado polo Parlamento da Gran Bretaña. Malia compartiren un mesmo rei desde 1603, tanto Escocia como Inglaterra conservaban até daquelas cadanseu parlamento soberano. A cámara escocesa foi restabelecida o 12 de maio de 1999.
Esta terza cúmprense 300 anos da fin da independencia do país setentrional da Gran Bretaña, curiosamente, xusto dous días antes de que os seus habitantes elixan os seus novos representantes parlamentarios e, segundo as enquisas, nun momento en que o Partido Nacional Escocés, SNP, ten moitas posibilidades para desbancar do goberno ao Partido Laborista, tradicionalmente cun amplo apoio da sociedade.
Tamén outras enquisas recollen un arelo de independencia, madurado ao abeiro da prosperidade económica dos tres últimos séculos. Xa que logo, as eleccións deste xoves considéranse como unha especie de referendo sobre a autodeterminación do pobo escocés.
Maior autonomía, mellor economía
Segundo o líder do SNP, Alex Salmond, e a súa principal deputada, Nicola Sturgeon, a economía escocesa podería experimentar un novo impulso se o Pàrlamaid na h-Alba (de Holyrood, en inglés) controlase as reservas de gas do Mar do Norte.
Porén, ao outro lado do Muro de Adriano (antiga fronteira romana entre Inglaterra e Escocia), a opinión sobre a independencia escocesa, en certos sectores da sociedade inglesa, é favorábel.
Algúns poucos, consideran que resulta unha carga para a economía do reino; os máis, entre os que tamén se atopa a maioría dos membros do Partido Conservador, quéixanse de que os parlamentarios escoceses en Westminster (parlamento do Reino Unido) non deberían de votar naqueles asuntos que só lle afectan a Inglaterra; xa que logo, piden a instauración dun parlamento inglés.
Segundo unha enquisa da BBC, o 61% dos habitantes de Inglaterra, o 51% dos de Escocia e o 48% dos de Gales apoiarían esta iniciativa. No entanto, o primeiro ministro, Tony Blair, xa se manifestou contrario a calquera tipo de separación, alegando motivos económicos e de seguridade nacional.