O pintor presenta o seu novo traballo en La Xina A.R.T. co berro da Penélope de Xohana Torres.
Jósef K. Korzeniowski, a quen máis tarde coñeceriamos como Joseph Conrad, fixo dicir a un dos seus humildemente épicos personaxes algo semellante a isto: os bos mariñeiros non cómpre que saiban nadar nin, sen dúbida ningunha, beber necesariamente auga. Galiza é un pobo mariñeiro (de feito, alguén dixo que Galiza era unha illa) e nin tan só os percebeiros teñen sona de nadadores. Un ilustre nativo desta terra, Álvaro Cunqueiro, dixo, porén: os galegos saben nadar coma ninguén a través da choiva.
Anxo Baranga é un galego de terra dentro, excelente e atrevido nadador que nos propón, nesta segunda exposición en La Xina A.R.T., embarcarnos nunha travesía tan atractiva como complexa: Eu tamén navegar. O contido berro de guerra feminista da poeta Xohana Torres é o significativo título desta aventura pictórica. Estruturada en varias series ("gardiás do salitre", "durmidas", "augas revoltas", "á espreita") esta mostra convídanos a reflexionar sobre a relación entre o home e a muller e sobre como somos capaces de chegar á outra beira buscando un novo coñecemento.
Anxo Baranga quere romper estas augas, saber, sentir, pensar, ser unha muller. A partir de fotografías, como a da súa propia filla que presenta este traballo, elabora un discurso pictórico denso e matérico que nos incita a todos a mollarnos.
Exposición: "Eu tamén navegar", de Anxo Baranga
Inauguración o 3 de maio ás 19.30 h
La Xina A.R.T.
Doctor Dou, 4 | 08001 Barcelona
Horario: de martes a venres de 17.30 a 20.30 h; sábados de 11 a 14. h.
Até o 2 de xuño de 2007.
Membro de Rede.cat.