Todos os sindicatos excepto a CIG asinaron a proposta da consellería, que permitirá agrupar as cinco horas lectivas de xuño e setembro en horario de mañá.
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, e os representantes das organizacións sindicais CC.OO., FETE-UGT, ANPE, CSI-CSIF e STEG asinaron este sábado un preacordo sobre a aplicación do calendario escolar para o curso 2007/08.
Segundo o documento asinado, os centros educativos galegos poderán solicitar unha modificación da xornada escolar nos meses de setembro de 2007 e xuño de 2008 co fin de agrupar as cinco horas de xornada lectiva diaria no horario de mañá.
A petición de modificación de xornada terá que ser realizada pola dirección do centro, previo acordo do Consello Escolar. A solicitude deberá incluír ademais a indicación do horario escolar que se desenvolverá durante os meses de setembro de 2007 e xuño de 2008, cunha xornada, con carácter xeral, de cinco horas diarias; así como unha indicación expresa do horario de funcionamento do servizo de comedor escolar.
A convocatoria de Educación non contou coa presenza dos representantes de CIG-Ensino, por considerar “insuficiente” a proposta xa que a consellería “non se compromete a xeralizar a xornada continuada”.