As instalacións do Club de Tenis Coruña e do Circulo Mercantil de Vigo acollen os torneos masculino e feminino respectivamente.
O tenis galego ten unha importante cita durante esta ponte do primeiro de maio coa disputa dos campionatos galegos de tenis por equipos nas súas categorías masculina e feminina. Na Coruña desenvolverase o torneo protagonizado polos homes. Na primeira rolda destaca o enfrontamento entre o Club de Tenis Coruña e o Club Fluvial de Lugo, que tentará defender o título acadado o ano pasado ante o anfitrión.
En Vigo, nas pistas de terra batida da Cidade Deportiva do Mercantil disputarase a versión feminina do campionato. Os emparellamentos de cuartos de final deixan os choques entre a Escola de Tenis Marineda e o Squash Club Santiago; o Club de Tenis Redes e o Casino Ferrolán Tenis Club; o Universidade de Vigo co Mercantil de Vigo; e o Recreo Cultural da Estrada co Club de Tenis Pontevedra, campión das últimas catro edicións da cita.