O portal catalán aixotoca.com conta a arrepiante historia dun forasteiro que ten que aprender a lingua á forza.
Unha reportaxe de Telemadrid, Ciudadanos de segunda, onde se amosaba un desolador escenario para os castelanfalantes en Cataluña, xa provocou unha serie de parodias que se poden ver na rede. A máis lograda é a do portal catalán especializado en humor aixotoca.com.
Se no produto da televisión autonómica madrileña aparecen supostos casos de discriminación dos que usan “la lengua común de este país”, na versión cómica cóntase o caso dun estranxeiro obrigado a aprender a lingua catalá á forza. Estranxeiro que fala unha mestura de expresións de Chiquito de la calzada e outros idiomas, con subtítulos en castelán.
Ponse o contrapunto ao vídeo de Telemadrid, onde só aparecen imaxes de carteis en catalán. Na parodia vense unicamente carteis en castelán, mentres a voz en off fala de “calles repletas de carteles ininteligibles”.