Bernard Cassen, voz de referencia sobre a alterglobalización, estivo este xoves en Compostela, onde falou en favor doutra Europa e doutro mundo posíbel.
É posíbel unha Unión Europea e un mundo en xeral onde os cidadáns asuman maior protagonismo, segundo o fío do discurso de Cassen, que esta semana visita Galiza. Cassen dirixe o prestixioso Le Monde Diplomatique, referencia xornalística sobre a análise desoutro mundo posíbel e foi fundador e primeiro presidente do colectivo Attac, a Acción pola Tributación das Transaccións Financeiras en Apoio aos Cidadáns.
Na súa opinión alén das revolucións a voz dos cidadáns é clave para presionar en favor doutros modelos de sociedade e el confésase optimista sobre esa posibilidade. Durante a súa visita a Compostela referiuse en particular á situación da Unión Europea e destacou a necesidade de implicarse no debate fronte ás políticas adoptadas a nivel da UE. Segundo afirmou, o apoio solicitado no referendo sobre o Tratado Constitucional en febreiro de 2005 no Estado español foi "unha mascarada". "Pódese estar a favor de Europa, pero non das súas políticas liberais", dixo Cassen, instando aos cidadáns a informárense sober as políticas que lles afectan.