Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polo seu impacto no sector pesqueiro e marisqueiro

O Goberno rexeita a creación de parques eólicos mariños

O director xeral de Industria sinalou que cumprirá "co mandato do Parlamento", que xa en 2005 aprobara opoñerse á instalación de xeradores no litoral.

Redacción - 19:18 26/04/2007
O Parlamento rexeitou os parques eólicos mariños en 2005

O Parlamento rexeitou os parques eólicos mariños en 2005

O director xeral de Industria, Anxo Calvo, asegurou este xoves que en Galiza "non se ve oportuno" o desenvolvemento de parques eólicos no mar, en referencia á idea do Ministerio de Industria español de crear un mapa de áreas mariñas, no que se puidesen incluír xeradores eólicos.

Actualmente, o Ministerio de Industria prepara un Real Decreto, que se podería aprobar antes do verán, para desbloquear a creación de parques eólicos no mar, e así poder determinar as áreas máis idóneas para a súa implantación. No caso de que Galiza fose unha das zonas escollidas, Calvo afirmou que "o Estado tería que negociar, falar e dirixirse á Xunta para pactalo".

Mandato do Parlamento


Ademais, neste senso, o director xeral lembrou que o Goberno formularía na negociación "o mandato do Parlamento". En novembro de 2005, o pleno aprobou unha proposición non de lei na que se lle insta á Xunta a lle amosar ao Estado "a súa posición contraria á instalación de parques eólicos mariños no litoral de Galiza".

A iniciativa, que foi aprobada na Cámara galega co voto favorábel dos tres grupos políticos, argumenta a súa postura en contra destas instalacións enerxéticas polo "impacto que este tipo de proxectos tería sobre o sector pesqueiro e marisqueiro".

Ademais, segundo manifestou Anxo Calvo, as cifras de produción enerxética que manexa o Estado -uns 20.000 megavatios- "quítanlle sentido ao proxecto", dado que Galiza "pode alcanzar eses niveis en terra, sen necesidade de ir ao mar".


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: