A pasada fin de semana presentábase á sociedade a nova organización empresarial
Benigno Pereira, propietario da coñecida marca de queixos Bama, é o presidente da xestora que está a botar a andar a Rede Galega de Empresas. A iniciativa pretende organizar a aqueles profesionais que non se sinten representados por organizacións como a Confederación de Empresarios de Galicia, CEG, e que teñen unha visión diferente ideolóxica: "Hai que rachar tópicos e dicir dunha vez que hai empresariado que pensa en clave de país", explicáballe este martes a Vieiros.
Pereira sinala que o campo empresarial é un dos grandes alicerces do país que queda por normalizar: "O empresariado tamén pode contribuír a que se plasme a nosa realidade nacional e a nosa cultura propia á vez que contribúe a xerar riqueza". Dende Rede Galega de Empresas subliñan que isto non significa que os empresarios compartan unhas siglas políticas: "Loxicamente aquí hai pluralidade como en toda a sociedade e o que nos debe unir é esa visión de país".
Unha idea que leva seis anos xestándose
A iniciativa dunha organización propia para o empresariado galego non é nova. O propio Pereira confesa que "a idea comezou a madurar con conversas entre amigos haberá xa seis anos". O pasado outono varios industriais fundadores decidiron dar un paso á fronte e tecer contactos polas diferentes bisbarras de Galiza. Nestes momentos, unha xestora é a encargada de guiar o proxecto até que teña lugar, posibelmente este mesmo ano, a primeira asemblea.
Dende a Rede Galega de Empresas avogan por un sector que axude a estruturar a sociedade galega: "Chamámoslle rede porque non queremos quedar nunha organización sectorial. Queremos cambiar a imaxe do empresario enfurruñado e camiñar cara unha visión máis solidaria". Mais tamén pretenden que sirva como un foro de contacto entre os industriais do que saian oportunidades de negocio.
Moito interese entre o empresariado
O anuncio da nova organización está a erguer moita expectación entre o empresariado. Pereira confesa que nos últimos días tivo chamadas dende todos os puntos de Galiza pedindo información. Neste sentido, lembrou que o novo colectivo está aberto tanto a pequenas como a grandes empresas e incluso a autónomos. Até o de agora hai douscentos industriais que xa mostraron o desexo de formar parte do colectivo. A nova organización ten o seu domicilio social en Compostela. O vindeiro mes de xuño van comezar unha serie de contactos para presentar a asociación a diferentes consellarías e compañías galegas.