O xornal inglés The Independent leva este martes á súa portada un exemplo de como os cambios ambientais redeseñan o planeta.
Foi bautizada Uunartoq Qeqertoq, en linguaxe inuit, o que equivale a Illa Cálida, polo explorador Dennis Schmirr, experto en Grenlandia, e esténdese 400 millas ao norte do Círculo Ártico.
As fotos do satélite situábana como parte integrante da costa de Grenlandia en 1985, e sinalaban na altura de 2002 que xa só estaba atada ao continente por apenas un pequeno pedazo de xeo. Na actualidade, e debido ao quecemento global, a península pasou a ser unha illa de seu. Unha "innegábel, rápida e enorme transformación física" tal e como o conta este martes o diario The Independent, subliñando o caso como un "forte símbolo dos efectos que o cambio climático nos trae".