Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Asinados os convenios ARIS e ARCHS

Máis de 13 millóns de euros para financiar obras de rehabilitación nos concellos

A subvención achegada polas Administracións públicas ascende a 13,1 millóns de euros: consellaría, 22,5%; ministerio, 23%; e concellos, 11%.

Redacción - 17:52 23/04/2007
A conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, coa súa homóloga española, Mª Antonia Trujillo, este luns

A conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, coa súa homóloga española, Mª Antonia Trujillo, este luns

A Consellería de Vivenda e Solo, o Ministerio de Vivenda e os representantes de 31 concellos galegos subscribiron este luns 37 convenios, onde se estabelece a execución de 866 novas actuacións en materia de rehabilitación con cargo aos exercicios 2007, 2008 e 2009.

As 886 novas actuacións en materia de rehabilitación están distribuídas en 13 Áreas de Rehabilitación Integral (ARIS) e 24 Áreas de Rehabilitación de Centro Histórico (ARCHS).

Execución por parte dos propietarios

Os convenios recollen as subvencións que aporta cada unha das tres administracións para contribuíren a sufragar as obras de rehabilitación. Estas serán executadas polos propietarios das vivendas e dos inmobles beneficiados.

O importe total das axudas ascende a 13,1 millóns de euros, dos que 5.222.268 (22,45%) son achegados pola Consellería de Vivenda e Solo, 5.434.078 (23,36%), polo goberno español, e 2.525.990 (10,86%), polos concellos asinantes.

Tres anualidades

O resto dos gastos, o 43,32% do orzamento (10 millóns de euros), correrá a cargo dos particulares. O financiamento aportarase en tres anualidades coa seguinte distribución: o 10% do total, en 2007, o 30%, en 2008, e o 60% restante da subvención, en 2009.

Por outra banda, a Consellería de Vivenda está a impulsar varias medidas a prol de conseguir solo residencial en diferentes concellos, para a construción de 3.577 vivendas protexidas. Estas contan cun investimento de 107 millóns euros.

Incremento da vivenda protexida

"O solo é a materia prima imprescindíbel para poder construír vivenda protexida, e a consellaría ten impulsado dúas importantes medidas para axilizar a consecución de solo residencial nos diferentes concellos: a modificación da Lei de Ordenación do Territorio de 1995, e a da Lei do Solo de 2004", sinalou a conselleira Teresa Táboas.

"Isto servirá para incrementar até un 40% a porcentaxe destinada á construción de vivenda protexida en todos os solos de novo desenvolvemento", engadiu.


Documentos

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: