O prazo de envío das propostas musicais segue aberto até o 21 de xuño.
O cantautor sadense Paris Joel é o primeiro participante na segunda edición de A Polo Ghit. A convocatoria para atopar a canción galega do verán estará aberta até o 21 de xuño, día en que comeza a estación máis calorosa do ano. Aínda así, o concurso propiamente dito, coa publicación das candidaturas para que o público vote, arrancará o 5 de maio.
Paris Joel recunca no concurso organizado por Vieiros e a Radio Galega. Se no 2006 a súa proposta fora Non quero durmir, este ano preséntanos un tema con denuncia social: Bicefalia. “Coa típica retranca galega, reflicte a vergoñenta situación do noso país onde, por desgraza, o caciquismo, antes conservador, agora xa está globalizado”.