Encontros musicais coas comunidades galegas no exterior.
Uxía Senlle
A cantante Uxía atópase de xira por Sudamérica. O seu percorrido ao outro lado do Atlántico comezou o martes 17 no Brasil. A artista participou nos Encontros coa Cultura Galega no Teatro Municipal de Niteroi, levando até aló sons que emparentan as dúas beiras do océano.
Xa o mércores, Uxía Senlle desprazouse a Bos Aires para dar un concerto no Ateneo coincidindo coa Feira do Libro, que conta con participación do país. A última parada da súa viaxe polo continente é o xoves 19, en Uruguai. A cantante actuará na sala Zitarrosa de Montevideo, un dos máis importantes locais da capital, para a comunidade galega no exterior.