SInala que a actuación de Educación "é un exemplo" en materia de diálogo. Os sindicatos estatais sumáronse á convocatoria de protestas da CIG.
Laura Sánchez Piñón
A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, reiterou esta corta que non haberá cambios no calendario escolar, en resposta á petición dos sindicatos de retirar a xornada de tarde nos centros durante os meses de xuño e setembro. Neste senso, insistiu en que "xa está publicado" no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste luns.
"Foron consultados os sindicatos e os pais", sinalou Sánchez Piñón, quen admitiu que se trata dunha decisión "que pode ter diferentes opinións". Ademais, asegurou que "todos os decretos están a saír co acordo do Consello Escolar", o que converte á Xunta, ao seu xuízo, "nun exemplo" de diálogo.
Pola súa parte, os sindicatos UXT, CCOO, ANPE e CSI-CSIF, sumáronse a CIG-Ensino, e anunciaron a convocatoria de mobilizacións de profesores de máis de 950 centros.
Redución da xornada en dúas horas
En canto á contratación de monitores para liberar a carga de traballo dos profesores de primaria, a conselleira lembrou a proposta de reducir en dúas horas semanais as xornadas dos docentes, ao tempo que pediu "non mesturar" o horario dos profesores co dos alumnos. Porén, Sánchez Piñón admitiu que a negociación "non está pechada".
A titular de Educación realizou estas declaracións minutos antes de inaugurar o V Congreso da Inspección Educativa de Galicia, onde se "porán ao día os retos" do sistema, como alcanzar o 85% de alumnos graduados na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), manter os estudos até os 16 anos e unha formación continua que favoreza as súas opcións no mercado laboral.
Sánchez Piñón concluíu que o traballo da Inspección Educativa "é fundamental, non só para saber o que está a pasar", senón que debe ter "un papel dinamizador" e ir así "un paso por diante". "Agora é un momento importante, é o momento do cambio", subliñou.