Este martes 17 de abril, “Dia Nacional de Luta pela Reforma Agrária”, os membros do Movimento de Trabalhadores Rurais Sem Terra intensificaron as ocupacións de fincas para exerceren presión e asentaren a 140.000.
Os labregos sen terra de 14 estados, do total de 26 que integran Brasil, levan ocupando fincas dende o domingo. O MST difundiu ademais un decálogo no que insta ao goberno a bulir coa expropiación de facendas, sen excluíren “as de empresas estranxeiras que veñen aquí implantaren os seus monocultivos (eucalipto, soia e cana), depredadoras do medio ambiente, cun uso intensivo de agrotóxicos e expulsando a traballadores brasileiros".
Segundo a constitución do 88, o goberno pode expropiar terras "improdutivas", pagándolles indemnizacións aos propietarios, e destinar despois esas terras aos plans de reforma agraria. Mais non é tan sinxelo: o proceso está demasiado burocratizado e os asentamentos non reúnen condicións de habitabilidade axeitadas. Afastados de centros urbanos, adoitan carecer de servizos básicos como luz, auga, atención sanitaria ou centros educativos. O MST esixe que o goberno de Lula realice unha operación conxunta de "órganos públicos involucrados na cuestión agraria para asentaren en poucos meses a todas as 140.000 familias que están desde hai moito tempo acampadas, á espera e vivindo baixo lonas negras".
Mesmo a Comissão Pastoral da Terra (CPT), vencellada á igrexa católica, divulgou no seu informe anual que as familias están a ser asentadas en zonas erradas: o 66,3% dos asentamentos outorgados do 2003 ao 2005 foron en rexións do norte do país, nas que apenas se rexistraron no mesmo período o 8,5% das ocupacións. Pola contra, no sur e surleste tiveron lugar o 35,1% das ocupacións e alí non se deron máis có 7,4% dos asentamento nese período.