O presentador Manel Fuentes e o escritor chileno Luis Sepúlveda, acudirán no mes de maio. As xornadas sobre publicidade Marca Galicia pecharán o programa primaveral.
A segunda quincena de abril, o Club Internacional de Prensa ofrece unha densa programación que comeza o vindeiro xoves 19 coa conferencia do fotoxornalista Gervasio Sánchez, acto que terá lugar ás 8 da tarde na sé da Fundación Caixa Galicia, en Compostela. Os ollos da guerra. Fotografía e Compromiso, é o título da súa conferencia.
Uns días despois, o 24 de abril, á mesma hora e no mesmo lugar, será o catedrático de Filosofía da Universidade de Murcia Francisco Jarauta quen fale sobre Os desafíos do mundo contemporáneo.
Conferencias en Vigo e Ourense
Nesa mesma semana, o director xeral de Le Monde Diplomatique e fundador de ATTAC (Asociación por unha Taxa sobre as Transaccións especulativa para a Axuda ós Cidadáns), Bernard Cassen, viaxará dende París, primeiro a Compostela e logo a Vigo, para ofrecer respostas á pregunta que dá título á súa conferencia: Protéxenos Europa dos perigos da globalización?.
Xa no mes de maio, o día 15, o xornalista, presentador, músico e director de programas Manel Fuentes, disertará na capital galega sobre A información como base do entretemento. Posteriormente -os días 22, en Santiago e 23, en Ourense-, o escritor, xornalista e realizador cinematográfico chileno Luis Sepúlveda, falará sobre A importancia de ser un idiota latinoamericano.
Xornadas sobre publicidade
As xornadas sobre publicidade Marca Galicia, que terán lugar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra dende o 29 de maio ó 1 de xuño, pecharán o programa primaveral do Club Internacional de Prensa.
Anunciantes, creadores, medios e consumidores, produtores audiovisuais e empresas de sectores produtivos e financeiros falarán de diversos temas, tal como a "responsabilidade social corporativa", "o futuro das axencias de publicidade", "a implantación dos novos medios", "a publicidade institucional" e da "necesidade de xerar unha marca Galicia na publicidade audiovisual".