O Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores anuncian fortes mobilizacións se se fai efectiva unha baixada.
A Porta Faxeira, enfronte da Alameda compostelá, acolleu nesta mañá unha concentración na que os tres principais sindicatos do agro galego protestaron pola baixada dos prezos do leite. Dende as 12:00, representantes do SLG, de Xóvenes Agricultores e de Unións Agrarias sostiñan unha pancarta na que amosaban a diferenza con respecto a hai doce anos: se o prezo do litro aumentou para o consumidor de 75 pesetas (0,45 €) a 75 céntimos (un 66%), o prezo que se lle está a pagar aos produtores mantense igual (de 50 pesetas a 30 céntimos). Tamén estaban “acompañados” por seis vacas de cartón con lemas inscritos como “Doce anos traballando para... ?” ou “Industria, paga o xusto ou levarás un susto”.