A directora xeral de Relacións Laborais pide que se “rebaixe a tensión” para poder resolver o conflito laboral.
A directora de Recursos Humanos de Atento, Encarnación Mon, asegurou este luns que o “call center” que ten a empresa na Coruña, e que dá emprego a un milleiro de teleoperadores, “non se vai pechar de ningunha maneira”. Mon manifestoulle isto á directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela. Dende Atento sinalan que a actividade é “fluctuante” debido “á propia natureza do servizo”. Por iso, sinala que “as variacións de contratas son cotiás”.
A preocupación na bisbarra da Coruña é evidente dende que Atento anunciara que ía prescindir de 179 traballadores. Os sindicatos opóñense a esta decisión e consideran que é un primeiro paso para desmantelar a infraestrutura da empresa na cidade herculina.