No marco da I Semana Internacional de Ilusionismo “Compostela Máxica”, a Asociación Magos Profesionais de Galicia inaugura un local de seu.
Un local nas galerías 27-28 da Rúa Amor Ruibal, no barrio compostelán de Pontepedriña, acolle a sede da Asociación Magos Profesionais de Galicia (MPG). A inauguración, entre trucos e sorpresas, foi este luns 16 de abril, ás 12:00, no marco dunha semana moi especial: Compostela Máxica reúne o mellor da maxia internacional na cidade.
No acto participou como mestre de cerimonias o Mago Antón, e estiveron presentes os membros da asociación, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, o xerente do IGAEM, Miguel Martín, e o concelleiro de Cultura de Compostela, Néstor Rego. Como salientou o Mago Antón, “este é un día histórico para todos os magos de Galiza. Vai quedar na nosa memoria para sempre.” Lembrou o carácter referencial da maxia en Galiza en canto a profesionalidade: “somos pioneiros en recoñecer a maxia como unha arte escénica. En ningunha outra parte do mundo hai axudas específicas para a maxia nin unha asociación de profesionais deste sector”. O mago amosou as súas esperanzas de que o novo espazo creado se converta en punto de encontro, tanto para profesionais da maxia como para calquera persoa que teña algo que comunicar a través das artes escénicas, e tamén nun espazo de formación.
Tamén salientou o éxito das liñas de programación desenvolvidas até o de agora: “xa o Nadal máxico foi un momento histórico: nunca houbera un circuíto exclusivo para a maxia”. Ademais, botáronse a andar festivais de maxia con carácter internacional, para os que se agarda unha periodicidade trimestral: un por cada estación e provincia. Así, como xa houbo Lugo Máxico no outono, nesta semana de primavera está a desenvolverse Compostela Máxica: este domingo, o mago portugués Luis de Matos desafiou á morte pendurado polos pés dunha corda ardendo, co clásico número de se liberar da camisa de forza, como xa fixera o escapista Houdini. Foron milleiros de persoas as que se congregaron na Praza do Obradoiro para sorprendérense con esta espectacular inauguración.
Como facer as ilusións realidade
Logo de proxectar unha reportaxe sobre a Asociación, o mago Antón subliñou que estas liñas de programación son posíbeis porque existen “outros magos cunha idea moi clara: a de transformar o país.” Seguiu Néstor Rego, aludindo ás liñas programáticas da política cultural da Concellaría: “No ámbito da cultura temos que ir máis alá da concepción da cidadanía como meros espectadores, e sermos conscientes de que hai moita potencialidade e moita profesionalidade por explotar.” Para desenvolver estas capacidades, ademais de eventos como o que ten lugar esta semana, para o concelleiro son importantes tamén as axudas encamiñadas á produción, e máis o apoio á formación. “Ás veces vemos os froitos que saen como por arte de maxia, pero teñen un traballo detrás.
Para a Asociación é fundamental espallar a cultura de maxia polos concellos: programación para familias, formación para nenos e nenas e un diálogo dos sete colectivos (un por cada cidade), nos que conviven profesionais e amadores, son fundamentais á hora de callar no tecido social. A colaboración coas institucións é outro punto clave. Como indicou o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, “o feito de que o colectivo se organice, se xunte e chegue a acordos é o máis valioso: temos un interlocutor organizado que pode levar adiante moitas cousas”. Para rematar esta sesión, non faltou un pouco de maxia da man do ourensán Magomimo Anyo, un artista que xoga a mesturar a mímica con trucos espectaculares. El, xunto a outros trinta e dous magos, fará gozar a todas as persoas que se acheguen a Compostela esta semana.