Os resultados definitivos coñeceranse contra a fin de semana. A nova Carta Magna camiñará cara unha maior descentralización do Estado.
Malia que os resultados definitivos non se coñecerán até o final desta semana, a sondaxe realizada á saída dos colexios electorais, dálle ao 'si' unha ampla vitoria. A enquisa reflicte que o 78,1% dos votantes aproba a elección da Asemblea Constitucional, mentres que o 11,5% a rexeita; o 10,4% votou en branco.
O pobo outorga deste xeito plenos poderes a Asemblea Constituínte que será formada para redactar unha nova Constitución.
O presidente ecuatoriano, Rafael Correa, afirmou este domingo que a vitoria do 'si' na consulta popular demostra que o pobo enterrou o pasado e mira cara o futuro coa Asemblea Constituínte. "Hoxe (polo domingo) triunfou o infinito amor pola patria, que é xa de todos e todas; non permitamos que nunca máis nola volvan arrincar", sinalou o mandatario en conferencia de prensa.
"Dereito a decidir nas urnas"
Tras agradecer ao pobo por apoiar a Constituínte, dixo que "esta é a vitoria máis grande que o país lembre; a vitoria do 'si' polo futuro". O titular do goberno defendeu o dereito da poboación a decidir o destino de Ecuador e chamou aos representantes políticos a resolver os conflitos no marco institucional, sobre todo, nas urnas.
Correa destacou que a Asemblea Constituínte centrará o seu labor "en lograr un novo reordenamento territorial para descentralizar o Estado e ir a adecuados sistemas de autonomías", e na parte económica "superar o nefasto modelo neoliberal imposto", salientou.
Chantaxe do Banco Mundial
Ademais, advertiu que expulsará do país ao representante do Banco Mundial se o goberno recibe presións desta organización. Ecuador investiga un presunto caso de chantaxe deste organismo para a entrega dun crédito que xa fora aprobado.
O Banco Mundial podería ter retido 100 millóns de dólares (uns 80 millóns de euros) xa outorgados, en represalia pola reforma da lei do Feirep -un fondo petroleiro- aprobada cando Correa era ministro de Economía, a mediados de 2005.
O presidente ecuatoriano defendeu o plan do Executivo para pagar "os derradeiros 40 millóns (30, en euros) que lle debemos ao Fondo Monetario Internacional".