O proxecto “A túa bliblioTK: o mundo ao alcance”, posto en marcha pola Biblioteca do Porriño, recibiu o premio María Moliner de Animación á Lectura.
A ministra de Cultura, Carmen Calvo entregoulle ao alcalde do Porriño, Raúl Francés, este galardón que recoñece este proxecto como o mellor labor de animación á lectura realizado o ano pasado polas bibliotecas de todo o Estado. Albino Alonso é, xunto con David Pérez, responsábel das actividades desta biblioteca.
Cal é proposta global que desenvolveron para converter a súa biblioteca nun centro dinamizador de cultura, máis alá dun simple contedor de información?
Apostamos polas actividades baseadas nas novas tecnoloxías xa que queríamos traballar principalmente coa xuventude. A adolescencia é unha idade difícil na que moitas veces sófrese unha desvinculación do mundo da lectura. É por iso polo que tentamos achegarnos até os máis novos a través das técnicas que máis utilizan no día a día... a imaxe, internet, os mensaxes de móbil, etc. Deste xeito organizamos concursos de fotografía, de redacción de textos en sms (en galego normativo pero respectando as abreviaturas propias deste medio), ciclos de cine, etc.
Estas novas tecnoloxías das que fala parecen moitas veces unha mala influencia para a xuventude, polo menos á hora de xerar información referida a adiccións ou contidos inapropiados... É un erro demonizar estas novas opcións que teñen os rapaces de agora?
Hoxe en día as novas tecnoloxías son unha realidade. Non podemos entender o mundo sen elas e moitos menos demonizalas. Creo que precisamente o que valorou o Ministerio do noso proxecto foi a súa integración nas propostas. Tentamos darlle a volta á tortilla neste sentido e que sexan unha ferramenta máis. Por exemplo, coidamos moito a nosa páxina web, incluso nun futuro queremos que desde o móbil pódase acceder a toda información da nosa base de datos. E é que ás veces é o único xeito de chegar até os máis novos.
Como foi a resposta destes rapaces?
Foi boa. Porén, aínda que hoxe esteamos recollendo un premio e sexa todo moi bonito, hai que recoñecer que o día a día é duro. Estamos contentos porque cremos que conseguimos uns obxectivos. Aínda así, tes que estar moi enriba de ofrecer até un certo punto de espectáculo, pero non espectáculo sen máis, porque para iso xa está Eurodisney, refírome a unhas actividades atraentes pero que agochen uns contidos de calidade no seu fondo.
Bibliotecarios como vostede e o seu compañeiro David Pérez... sodes unha excepción? Segue a ser certo ese estereotipo que se ten do bibliotecario?
En absoluto. Aquí en Galiza hai moita xente válida realizando este traballo. Este ano tocounos a nós recibir o premio pero a verdade e que hai outros proxectos nesta liña moi interesantes por todo o país. Tamén no norte de Portugal estanse a facer as cousas moi ben neste sentido. O noso non é un caso illado.