Institucións e empresas gozan de prazos especiais para rexistrar os seus nomes e marcas cando se aproba un novo dominio
Xa se coñecen os prazos para rexistrar direccións de internet co .asia, o último dominio aprobado pola ICANN. Será a partir de xuño cando os gobernos asiáticos poderán comezar a rexistralo. Os cidadáns terán que esperar, polo menos, ata setembro. Mentres tanto, a iniciativa a prol dun dominio galego segue sumando apoios. Máis de 5.300 cidadáns xa firmaron a prol do Puntogal.
A ICANN non publicou aínda os criterios que rexerán o concurso de novos dominios. A iniciativa que busca un dominio para a lingua e a cultura galegas anunciou que se presentará a esta convocatoria. En principio, a ICANN prevé admitir novas candidaturas a partir de final de ano.
Xunta.com está rexistrada nos EE.UU.
Usualmente, cando se aproba un novo dominio establécense prazos para que aqueles que teñen dereitos sobre unha marca -como sucede coas institucións e empresas- rexístrena primeiro. Esto é o que sucederá no caso do .asia e posiblemente no caso do .gal, se é aprobado.
Malia a existencia deste proceso por fases, algunhas institucións son demasiadas lentas e finalmente ven como o seu nome é rexistrado por outros. Isto foi o que lle pasou ao Goberno Galego, tal e como explica siHomesi no seu blog. E é que xunta.com está nas mans da empresa de Nova Jersey, Exoticdomains, mentres que xunta.org está rexistrada por unha empresa radicada en Madrid, Nameassets.