O presidente portugués, aínda que con matices, deulle a beizón á lei que xa aprobara o Parlamento, con maioría da esquerda, e que os cidadáns apoiaran en referendo.
Con todo, o xefe de estado portugués, Aníbal Cavaco Silva, subliñou que se opón a varios dos puntos da nova norma. Entre eles, opina que a muller debera ser informada sobre a posibilidade de continuar o embarazo e dar despois o fillo ou filla en adopción.
Tamén solicita que se restrinxa a publicidade sobre o aborto. Por outra parte, pide que se lles autorice a consulta nestes casos aos médicos opostos ao aborto, aos que a lei exclúe do proceso. Ademais, a escolma de recomendacións redactada pola presidencia portuguesa sobre o texto, inclúe a limitación "rigorosa" das situacións de urxencia onde a interrupción do embarazo pode facerse sen consentemento escrito da muller e sen agardar un período de tres días.
Ao respecto, desde o Partido Socialista portugués subliñaron este martes que, alén das consideracións sobre as preocupacións de Cavaco, a lei do aborto será a mesma que xa saiu da Asemblea da República, baseada na "decisión libre e consciente da muller". Desde o PCP criticaron que o presidente envíase unha mensaxe pública de "desconfianza sobre a decisión libre das mulleres".
Máis en Público e Jornal de Notícias.