Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Intervén no ciclo 'Diferenzas vetadas'

Helena González: "Vivimos nunha 'moda violeta', xestionada por quen controla a edición"

Continúa a Semana Galega de Filosofía a falar de diferenzas, e na conferencia que pecha a xornada deste martes 10, a partir das 20.00 contaremos coa intervención da crítica literaria Helena González. Vieiros puido falar con ela sobre a súa achega.

Lara Rozados - 17:42 10/04/2007
Helena González

Helena González

Vieiros: "Escritoras diferentes nunha literatura-nación diferente"... por que?

Helena González: Quero explicar como a literatura galega de mulleres é máis visíbel no conxunto das literaturas peninsulares cás outras (catalá, española, portuguesa), e por que acontece isto: en parte, grazas á hiperconciencia de nós mesmas, dentro dunha literatura ameazada; por outra banda, contamos cun ítem identitario “do feminino” que xa empeza nunha figura mediatizada: a de Rosalía. Eu detéñome particularmente en dous exemplos: as poetas de mediados dos 90, que fan que se descubra un discurso violeta, e como no 2005 son visibilizadas tamén as narradoras, a partir da publicación de Herba moura, de Teresa Moure. O seu caso é ben interesante, sobre todo polo papel que se lle adxudicou no mercado editorial.

V.: Que acontece coa visibilidade (ou a visibilización) das mulleres no sistema literario galego?

H.G.: Agora mesmo vivimos nunha moda violeta, xestionada voluntaria e conscientemente por quen controla a edición. Camíñase cara á confusión entre o que é literatura escrita por mulleres, para mulleres ou sobre mulleres, ou literatura feminista, que non son o mesmo... Englóbanse na mesma estratexia editorial unha biografía sobre unha muller, unha novela e un ensaio feminista. Hai unha vontade de neutralizar a disidencia. Nun contexto de aparente democracia, de aparente igualdade e normalidade cultural, existe un xogo de espellos.

V.: E cal é o risco?

H.G.: Precisamente, mobilizar o que ten que ver coas mulleres dentro da alteridade, do exótico. Igual que falamos dos árabes, dos israelís, coas mulleres no sistema literario hai unha conciencia de “outro”, o que carrexa unha uniformización, a creación dun estereotipo: “as mozas son rebeldes”. Entón publícanse a biografía da primeira aviadora, da artista máis transgresora, etc. A moda violeta non é só un fenómeno estético: “demasiada” visibilidade pode producir “ruído” para a mirada hexemónica, e pénsase que unha muller que gañe un premio xa fai por sete, xa é abondo, a situación está normalizada. É outra forma de misoxinia.

V.: Está entendida a impresión de que estamos nun momento cumio?

H.G.: A sensación é de demasiada calma: accedeuse a determinados espazos de poder, pero realmente estamos nun momento de incerteza. Malia cumprírense certos obxectivos da axenda feminista, esta non rematou aquí, está en permanente cambio.

V.: Volvemos á tese do paraugas totalizador: neutralízanse as reivindicacións feministas dentro do contexto da reivindicación nacionalista?

H.G.: A moda literaria é o mecanismo que usa agora o paraugas totalizador. É un arma de dobre fío: por unha banda carrexa visibilidade, e polo tanto popularidade. Pola outra, inmobilización. As modas veñen e marchan, pero tamén son política...

V.: Estamos nun momento de rexurdir cultural xeralizado en Galiza e isto contribúe a esa visibilidade?


H.G.: Non penso que se poida afirmar categoricamente que estamos nun bo momento. Teño máis preguntas ca respostas: estamos a crear novos produtos estéticos? Temos novos referentes? Se cadra a diferenza con respecto a hai uns anos é que, se ben antes as caras da nosa literatura fóra eran Manuel Rivas e Suso de Toro, agora son Manuel Rivas, Suso de Toro e Teresa Moure. O bo é que parten de posturas ideolóxicas e estéticas moi diferentes, e que Teresa Moure é moi difícil de encadrar nun estereotipo. Tamén é curioso como o interese por traducir a súa obra ao castelán foi a través dunha editora catalá.

En resumo, corremos o perigo de confiar na aparente normalidade: a “visibilidade” non é tanta. As cuestións de xénero xa entraron no imaxinario do politicamente correcto, o que non deixa de ser un avance e o derrubo dunha barreira, pero non nos confiemos.


4,07/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: