Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Esta Semana Santa...

Músicas contemplativas e amor cortés

Non todo son procesións: os festivos de Semana Santa acollen unha programación ben intensa no que se refire a música. En Compostela gozaremos da segunda edición do festival Músicas Contemplativas, e dunha interesante proposta do grupo Martín Códax en Cedeira.

Redacción - 14:17 04/04/2007
Grupo Martín Códax

Grupo Martín Códax

PROGRAMAEste sábado 7 ás 20.00 poderemos gozar, no Auditorio Municipal de Cedeira, dun concerto que recolle o mellor do amor cortés na Europa medieval, a cargo do grupo Martín Códax. Co título 'Que eu sei muit' amar' reúnen boa mostra da lírica monódica medieval. Convídannos a un percorrido pola poesía amorosa dos trobadores provenzais Giraut de Bornelh ou Bernart de Ventadorn, xunto a algúns dos grandes poetas da lírica galaico-portuguesa: Don Dinís, rei de Portugal, Afonso X O Sabio, e as súas Cantigas a Santa María, Airas Nunes ("Falei n´outro dia con mia senhor"), Johan Airas, e, como non, as cantigas de amigo de Martín Códax, como "Mia hirmana fremosa".

Músicas para contemplar

E mentres, en Compostela, poderemos gozar da segunda edición do festival Músicas Contemplativs: a mellor música sacra no contexto máis axeitado, nas igrexas da cidade. O ciclo abriu o martes coa misa de Stravinski e Monteverdi, a cargo de Gabrieli, en San Martiño Pinario. O mércores 4 de abril, ás 22.30, Ikhwan Al-hadra (Os irmáns da presenza) traen á Igrexa da Universidade a tradición sufí. Para o Xoves Santo, estréase o cuarteto de corda da Real Fiharmonía de Galicia, cunha moi axeitada peza de Haydn: As sete últimas palabras de Cristo. Será ás 20:30, nas Orfas. Ese mesmo xoves poderemos escoitar o Salve Regina de Yanguas na capela das Ánimas, da man de La Grande Chapelle, ás 22:30.

Xa o venres, en San Fiz de Solovio ás 20:30, Ensemble Organum recupera a tradición oral dos primeiros cantos de adoración vencellados á liturxia do Venres Santo. Dúas horas despois, no Convento das Mercedarias, Ex Cathedra Consort & Continuo achéganos unha peza en quechua, Hanacpachap Cussicuinin, na que conviven iconografía católica e inca. E ao día seguinte, máis diálogo con outras tradicións: a igrexa ortodoxa estará presente nos cantos sacros do Choir and Studio for Spiritual Music Melódi. Estarán na igrexa da Orde Terceira, próxima a San Francisco, ás 20.30. E para rematar, Hespèrion XXI estarán en Santo Agostiño ás 22.30 con pezas procedentes de Andalucía, Marrocos, Turquía ou Irán, Rodas, Afganistán, Italia ou Bosnia. 'Peregrinaxe da Alma. Diálogo das músicas de oriente e occidente' vai desta volta dar ao afastado Oriente e os primeiros instrumentos de arco.


Documentos

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Choir and Studio for Spiritual Music Mélodi
Choir and Studio for Spiritual Music Mélodi
Ensemble Organum
Ensemble Organum
Jordi Savall, director de Hespèrion
Jordi Savall, director de Hespèrion