Dita postura é a seguinte:
1- Apostar por unha muda integral da actual política herdada de anteriores gobernos; a reducción dos residuos, a reutilización dos mesmos e finalmente a reciclaxe son pautas ineludibles para a consecución de obxectivos baixo criterios medioambientais. A planificación de políticas neste sentido resulta fundamental, reducir en orixe apostando por envases retornables, a información o cidadán por medio de campañas de sensibilización ante o problema, son prioridades para acadar resultados óptimos que non dexeneren como o actual modelo liderado por SOGAMA.
2- Reclamar a axilización do Plan de Xestión de Residuos de Galiza e rexeita calquera execución, medida ou actividade relacionada con estes ata que se aprobe dito plan.
3- Somos radicalmente contraria a incineración, esiximos neste sentido unha planificación na xestión do lixo para cumprir cos obxectivos de recuperación establecidos na normativa europea, isto é, reducir a capacidade incineradora actual e incrementar a reciclaxe.
4- Posicionarse en contra da xestión dos residuos sólidos urbanos do Sur de Galiza no Polígono Medioambiental de Carballeda de Avia. Esta Asociación aposta dun xeito claro e contundente, pola xestión a nivel comarcal en pequenas plantas, onde o impacto medioambiental e mínimo, o aforro enerxético faise evidente e os resultados acadan a máxima eficacia. Rexeitamos a idea dunha Planta Sur que xestione os residuos sólidos urbanos das provincias de Ourense e Pontevedra exista ou non a incineración.
5- non se posicionar en contra dun Polígono Medioambiental Empresarial dedicado única e exclusivamente a reciclaxe, sempre e cando, atendendo a criterios de eficiencia enerxética, non sexa axeitado tratalos en plantas comarcais por tratarse de pequenas cantidades. As empresas que ocupen esta instalación deben cumprir estrictamente as normativas medioambientais, así como, estar dotadas de tecnoloxía avanzada sendo escrupulosamente respectuosas co entorno natural, calquera empresa que incumpra estas directrices debe ser suspendida na súa actividade.
6- Esixir exames periódicos, tanto dentro das instalacións como no entorno, que rexistren os niveis de contaminación en solo, aire e auga. Medicións automatizadas as cales teñan acceso os cidadáns en todo momento e non sexan susceptibles de manipulación.
7- esixir a depuración e reutilización da auga de uso industrial mediante un circuíto pechado sendo independente para cada empresa, así como, unha depuradora central cos sistemas máis eficientes de tratamento.
8- esixir total transparencia por parte da administración, os habituais comunicados de prensa baseados en mundos idílicos e deben dar paso xa a unha información seria, realista e claramente definida.
9- os asinantes obedecen única e exclusivamente a criterios medioambientais e de caracter global, nunca se basearan en intereses particulares, empresariais ou políticos. Non formar parte de ningunha plataforma que responda a motivacións destas características. Consideramos fundamental a independencia en tódolos eidos e que o nome desta asociación non garde relación algunha con plantexamentos absurdos que resten credibilidade o movemento ecoloxista.