Vinte asociacións acordaron saír á rúa para poñer freo ao proceso de “cementación de Galiza”.
A capital do país vai acoller o vindeiro domingo 6 de maio unha manifestación que demandará políticas urbanísticas sustentábeis. Vinte colectivos sociais, convocados por Fusquenlla (Eume), decidiron programar este acto logo dunha asemblea celebrada o pasado sábado en Compostela. As asociacións fan un chamamento á cidadanía para que amose “a repulsa pola degradación do territorio, un feito que ameaza a propia identidade de Galiza”.
Os colectivos coincidiron na necesidade de celebrar este acto reivindicativo dado a agresión que sofre tanto o litoral como o interior do país. Como exemplos sinalan a construción de piscifactorías ou as canteiras que ameazan paraxes do Courel ou da Terra Chá. Tamén se fai mención á destrución do patrimonio arquitectónico, á desaparición de espazos públicos e á edificación masiva.