Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
DÚAS EXPOSICIÓNS NO CENTRO GALEGO

“Mulleres” de Oleiros florecen en Barcelona

No Centro Galego están instaladas dúas exposicións, distintas e complementarias, de procedencia dispar, de contido diferente, en linguas galega e catalá, tampouco nos formatos se parecen. Si. Pero tratan o mesmo tema e insisten nas mesmas realidades. Por Lito Caramés.

Lito Caramés - 22:00 01/04/2007

Punts de reflexió: les violències contra les dones, centra a súa mensaxe na agresividade. No mesmo espazo, Mulleres mostra un percorrido amplo de mulleres e eidos culturais e laborais. Pero no fondo chegan á mesma meta. Unha proba: nun dos plafóns da exposición “Mulleres” pódese ler: ELISE MEITNER. Viena. O seu traballo foi coroado co premio Nobel de Química para Otto Hahu. Non é iso violencia? A violencia só é física? Só hai violencia cando é visible?

Mulleres” é unha extensa referencia á situación social das donas ao longo do tempo, feita polo profesorado e o alumnado do IES María Casares de Oleiros (A Coruña), un centro público instalado moi preto da fermosa praia de Bastiagueiro. Un longo traballo que se xestou durante o curso 1999-2000. Hai que felicitarse de ter un profesorado do ensino público entusiasta, que ten ganas de traballar máis aló daquilo que lle esixen; lecturas, horas de reunións, et. polas que saben que non lles van dar nada. Só a autosatisfacción. A elaboración material da mesma foi posible grazas á subvención do Concello de Oleiros.

O contido dos 40 plafóns é temático, pois vai nomeando mulleres que destacaron nos eidos da ciencia, do pensamento, da arte, da literatura. É histórico, pois o repaso dentro de cada apartado faise escribindo sobre mulleres que, pese a todo o peso das sociedades nas que lles tocou vivir, destacaron. Se coas leis en contra, co desprezo das institucións políticas e relixiosas; se con todo contra delas sobresaíron, de que mulleres estamos a falar?

Con que a exposición se pensou para centros educativos, ten un forte carácter didáctico. Desde os títulos até os contidos de cada plana exemplariza o labor daquelas mulleres que máis consideración podían ter acadado. A estrutura da información fíxose dun xeito insistente: a muller e a ciencia, a muller e a arte, a muller e o pensamento. E toda ela é reivindicativa. Xa só decidir traballar este tema e non outro (por exemplo: a vida das abellas, a gravitación universal, os montes e ríos de Bolivia...), todos eles importantes e interesantes; só decidir e confeccionar esta exposición demostra a sensibilidade e os desexos de rebeldía e de denuncia. Denuncia das desigualdades, das discriminacións. Denuncia da invisibilidade das mulleres. Rebeldía de non acatar roles sociais impostos e consentidos, rebeldía ao mostrar que as mulleres de sempre estiveron nas áreas do pensamento, da ciencia (ao marxe de outros), campos do coñecemento que se negan á metade da humanidade, espazos que se quixo e quere obrigar a recoñecer como “non femininos”.

Desde o ano 2000 esta exposición non parou de percorrer toda Galicia (agora vén dun IES de Cambre, A Coruña). Estivo en centros educativos, en mercados, en xornadas sobre a Igualdade, en centros cívicos das catro provincias galegas. Esta é a súa primeira saída fóra de Galicia. E abofé que campa (fa goig, como se di por estas terras) na sala Ferrío do Centro Galego de Barcelona.

En conclusión, a exposición “Mulleres” é unha homenaxe a todas as mulleres. Ao traballo inxente de todas as mulleres de todos os tempos. Aquí fálase dunhas poucas, de exemplos que furan a tona da Historia Oficial e, a pesares da opresión, xermolan e florecen. Así, coas alusións a algunhas donas, denúncianse as evidencias da invisibilidade das mulleres.

Nun dos paneis saen a Sofonisba Anguissola, a Lavinia Fontana e a Artemisia Gentilleschi, tres pintoras italianas dos séculos XVI e XVII. Non hai moito unha alumna, Lidia, fixo un excelente traballo de investigación sobre estas tres pintoras. Eu axudeille no que puiden. Lembro aínda a súas sorpresas: por non ter oído falar delas antes, por non atopar ningunha pintora nas Historias da Arte!, por descubrir a calidade das súas obras, por coñecer que foran pintoras moi produtivas, que acadaran prestixio en vida, e que desapareceran axiña. Invisibles.

Punts de reflexió: les violències contra les dones "és una exposició que té com a objectiu provocar una reflexió per desfer prejudicis i visibilitzar les discriminacions com a primer pas per a modificar les mentalitats i canviar la cultura de la violència per la cultura de la pau en les relacions socials i personals". Isto é o que escribe o Institut Català de les Dones cando fai a presentación desta exposición, unha das moitas que este instituto ten confeccionadas e que ofrece a entidades, para axudar mentalidades e a situación de inferioridade na que se seguen atopando as mulleres.

Esta mostra non é moi longa, pero a súa visión e a súa lectura realmente provocan unha treboada de pensares e de sensacións. A violencia contra as mulleres ten algo que ver comigo? Por que teñen que cobrar menos se fan o mesmo traballo? Os chistes machistas, no fondo, son algo máis que a demostración da inferioridade masculina? Cando se refire á violencia estrutural fai alusións directas aos visitantes, a nós, e fronte a “el teu silenci, la meva indiferència, la nostra tolerància”, proponnos outras actitudes: “els teus drets, la meva solidaritat, el nostre compromís”.

Estas dúas exposicións son complementarias. Pola forma e polo contido. Xaora que no Centro Galego, unha institución de máis de 80 anos e radicada na Rambla barcelonesa, se trate un tema en dúas linguas, as propias das dúas comunidades: daquela da que procedemos e desta na que vivimos. Mulleres fai un percorrido histórico por personalidades como as de María Caetana Agnesi, Margarita Salas, Eileen Collins, Concepción Arenal, Federica Montseny, Artemisia Gentilleschi, Maruja Mallo, Mercè Rodoreda ou María Casares (a actriz de teatro internacional que da nome ao IES que confeccionou a exposición). Punts de reflexió: les violències contra les dones plantexa unha reflexión sobre todo tipo de violencia que se exerce e se fixo contra das mulleres.

EXPOSICIÓNS:
- Mulleres
, do IES María Casares de Oleiros.
- Punts de reflexió: les violències contra les dones,
do Institut Català de les Dones.

Até o 9 de abril de 2007.

Centro Galego de Barcelona
Sala Francisco Ferrío

Rambla de Caputxins, 35-37 | 08002 Barcelona
Tel.: 93 301 28 92


1,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: