Ánxela Bugallo, coordinou unha xuntanza en Compostela este venres, onde se reuniron persoas representantes da xestión cultural das comunidades autónomas e do
Ministerio de Cultura. A conselleira de
Cultura e Deporte será a encargada de representar a postura do Estado e de Galiza, xunto coa ministra española, Carmen Calvo, no Consello de Ministros de Cultura da Unión Europea, que se celebrará o 24 e o 25 de maio.
Bugallo exporá a posición de Galiza e do resto das comunidades autónomas en temas de relevancia para o futuro do sector cultural, como as medidas para fortalecer a puxanza económica das industrias culturais, a reforma da directiva de Televisión sen Fronteiras e a aplicación da convención da Unesco para a protección e promoción da diversidade cultural. “A cultura galega poderá expresar a súa voz na Unión Europea", indicou a conselleira. Tamén salientou a necesidade de que Galiza estea presente alí onde se toman as decisións que afectan ao seu futuro: "a presenza nos foros da Unión Europea permítenos coñecer de primeira man as estratexias globais, adaptándoas de contado ao plano galego".
A Consellaría de Cultura e Deporte e do Ministerio de Cultura coordina catro liñas de acción: o reforzo da cultura como sector económico, particularmente dos sectores emerxentes, e a súa contribución á modernización da economía europea, deseñada na Axenda de Lisboa, ademais do carácter transversal da cultura e a súa incidencia noutras políticas comunitarias. Neste consello tamén se abordará como aplicar a lexislación da
Unesco para a protección e promoción da diversidade cultural, que entrou en vigor o pasado 18 de marzo. E trabállase tamén nun novo texto da directiva da Televisión sen Fronteiras, que regula o mercado europeo dos servizos audiovisuais. Trátase de adaptar esta normativa aos cambios tecnolóxicos da sociedade da información garantindo o acceso universal á información e á diversidade cultural.