O goberno local traballa para pór en marcha un parque temático que tamén sirva para abastecer a zona.
De seguro que o poeta Eduardo Pondal nunca se imaxinou que aquela deuse celta chamada Temunde ía dar nome a un proxecto pioneiro en materia de enerxías renovábeis. O alcalde carballés, o nacionalista Evencio Ferrero, presentou este xoves o plan que se vai levar a cabo no barrio da Milagrosa. Ferrero explicou como pretenden crear un parque temático onde o visitante poida ver as vantaxes das enerexías renovábeis e, ao mesmo tempo, xerar enerxía para esa zona da vila.
A iniciativa vaise presentar no Programa Concerto da Unión Europea, onde o goberno municipal agarda completar o financiamento necesario. No proxecto contémplase un museo e tamén un percorrido físico e virtual polo barrio da Milagrosa que permitirá coñecer en tempo real o consumo e a enerxía que se xera na zona.
O goberno local elixiu para o proxecto unha das zonas con máis falta de servizos do casco urbano co fin de revitalizala. Representantes das consellarías de Vivenda, Industria e da Deputación da Coruña, que tamén estiveron na presentación, mostraron o seu apoio ao proxecto.