Oracle, HP e Best Buy, entre as compañías con ordenadores infectados que envían mensaxes de spam.
Caixa de correo electrónico chea de mensaxes lixo
Todos nos temos atopado na caixa de correo electrónico mensaxes que nos prometen gañar grandes fortunas, mercar medicamentos a baixo prezo ou aumentar ou diminuír, segundo o caso, partes da nosa anatomía. Millóns de mensaxes de spam ou correo lixo saen cada día de ordenadores domésticos infectados por programas que instalaron delincuentes informáticos. Pero, agora, unha empresa que se encarga de analizar a orixe desas mensaxes descubriu que moitas delas proceden dos computadores de grandes compañías como Oracle ou HP.
Segundo a análise feita por Support Intelligence en dúas semanas do mes de febreiro, ordenadores das redes de polo menos 28 grandes empresas mandaron correo lixo. Detectáronse mensaxes de todos os tipos: dende intentos de estafa até ofertas de Viagra. Oracle e HP foron dúas das empresas das que procedían, aínda que a máis afectada foi a cadea de tendas de electrónica Best Buy. Unha voceira desta firma recoñeceu a existencia do problema e agradeceu o traballo de Support Intelligence. Pero outras compañías rexeitaron facer comentarios.
Para detectar a verdadeira procedencia das mensaxes de spam houbo que facer un traballo moi exhaustivo, pois os spammers camuflan o máis posíbel o percorrido dos correos para evitar que os ordenadores infectados sexan descubertos. O estudo demostra que os fallos de seguridade lles afectan mesmo ás empresas que se atopan na lista das mil primeiras da revista Fortune.