As habilidades comunicativas dos rapaces de entre 8 e 30 meses son maiores entre os que usan dúas linguas, segundo o Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación.
A creación de frases máis longas e complexas é o indicador principal a través do cal os investigadores conclúen que as nenas e nenos bilingües desenvolven máis rapidamente as súas habilidades comunicativas e lingüísticas.
O departamento explica que adaptou, por primeira vez a nivel estatal, as chamadas escalas MacArthur-Bates, deseñadas para medir as habilidades comunicativas dos máis pequenos. A avaliación foi realizada sobre un grupo de 1.100 rapaces galegofalantes de entre 8 e 30 meses.
O estudo atopou que as diferenzas individuais entre nenos son moi altas, e que apenas hai diferencia segundo o sexo. Ademais, a orde de nacemento parece influír no desenvolvemento lingüístico durante o período entre os 16 e 30 meses: os nados en primeiro lugar producen un vocabulario máis extenso, usan frases longas e complexas e empregan a linguaxe de xeito despegado do seu contexto máis inmediato.
Poden ampliar no xornal da USC.