O goberno español ofrece un financiamento de só 2,7 millóns de euros. Desde a Xunta esixen un investimento de 15 millóns.
Se o proceso de negociación marcha segundo o calendario previsto, desde o 1 de xullo Galiza xestionaría o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Explicouno este mércores o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, quen avanzou que o día 10 de abril hai unha nova reunión entre representantes do goberno español e o galego para pechar definitivamente as condicións.
Nesa xuntanza será fundamental o debate sobre o financiamento. Quintana recordou que desde o executivo estatal cuantificaron en só 2,7 millóns de euros o custo ordinario da xestión, cantidade que cualificou de "claramente insuficiente" á vista da falta de infraestruturas e persoal.
O vicepresidente lembrou que a Consellaría de Medio Ambiente xa avaliou que son necesarios cando menos 15 millóns de euros de investimento para solucionar algúns desafíos urxentes: a adquisición da illa de Cortegada; saneamento das illas de Ons e Cíes; construción de novos portos; creación do Centro de Interpretación e creación dos Centros de Información de Vilagarcía, Ribeira e Bueu.