A compañía norteamericana consolídase como o cuarto investidor da firma galega, tras Amancio Ortega, Rosalía Mera e Chase Nominess.
O banco de investimentos estadounidense State Street Bank aumentou a súa participación en Inditex até o 5,033%, logo de adquirir 221.864 accións por un valor de dez millóns de euros (tendo en conta a actual cotización da compañía), segundo consta nos rexistros da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).
Deste xeito, State Street Bank, que tiña declarado con anterioridade o 4,998% do capital, dispón agora dun total de 31.376 millóns de títulos, cun valor de mercado de 1.427,2 millóns de euros.
A compañía mantense así como o cuarto accionista da téxtil galega, por tras do presidente, Amancio Ortega (59,294%), de Rosalía Mera (6,993%) e de Chase Nominess (5,974%).
O banco de investimentos declara que ningún dos seus clientes domiciliados nun paraíso fiscal posúe unha participación igual ou superior ao 1% e que, fóra destes, ningún dispón de máis ou igual ao 5%.