Caixa Galicia anunciou a semana pasada a compra da illa por 8,5 millóns de euros.
Imaxe aérea da Illa de Sálvora
Os colectivos ecoloxistas Adega e Verdegaia e maila Fundación Germán Estévez coincidiron este martes na necesidade de que a Illa de Sálvora sexa de titularidade pública. Opinan que a compra que anunciou Caixa Galicia non é a mellor solución para o espazo natural. O secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, cre que “inconcebíbel” que se permita que Sálvora pase a unha entidade bancaria e cre que o lóxico é que un espazo desta importancia sexa exclusivamente público.
Os ecoloxistas sosteñen que a única saída que lle queda á Xunta e ao Ministerio de Medio Ambiente, os dous organismos que teñen competencias no asunto, é facer valer o dereito de retracto e mercar a illa polo mesmo prezo. Segundo explicou, na vindeira reunión do Consello Galego de Medio Ambiente vanlle facer chegar estas queixas ao goberno.
Eirexas asegura que o “desleixo” dos poderes públicos frustrou a posibilidade de negociar directamente co propietario actual, o Marqués de Revilla: “Estamos seguro que se podía ter adqurido a illa a un prezo menor”. Tamén sinalou que a actitude revela dúas varas de medir á hora de expropiar terreos de interese público.