'Critical Perspectives on Galician Literature in the Twentieth and Twenty First Centuries' nace da colaboración entre a Universidade da Coruña e a revista Antípodas, da Universidade de La Trobe (Melbourne, Australia).
José Miguel Alonso Giráldez e Roy C. Boland Osegueda editarán o resultado da colaboración entre ‘Antípodas’ (Journal of Hispanic and Galician Studies) e a Universidade da Coruña. Esta publicación sobre estudos hispánicos e galegos convoca a o estudantado a presentar manuscritos relacionados con calquera aspecto da literatura galega do último século, e indica que serán “especialmente benvidos” os de escritores dende 1975 até a actualidade, o traballo das xeracións máis novas. Calquera perspectiva e abordaxe é admisíbel: dende a análise dun traballo ou dun autor concreto até disciplinas como os estudos de xénero, estudos comparativos ou intertextuais, ou enfoques como o postmodernismo ou o feminismo.
Deben enviarse como arquivos anexos, por correo electrónico, nunha mensaxe que conteña o nome do autor ou autora, o enderezo postal e o enderezo electrónico. Debe estar escrito en Word, Times New Roman, a tamaño 12 (incluíndo notas e citas textuais), a dobre espazo, e no último estilo MLA. A numeración das notas a pé de páxina non debe estar enlazada ás mesmas, e os artigos deben ter unha extensión entre 4.500 e 6.000 palabras (incluídas notas a pé, que non deben ser máis de doce nin exceder as dez liñas cada unha, a espazo simple e tamaño 10, todas á fin do documento). Non se deben usar encabezados nin numerar as páxinas. En canto á lingua, esta pode ser galego, castelán ou inglés. O prazo remata o 15 de decembro, e os enderezos son: giral@udc.es e editor@antipodas.com.au.