A entidade chegou a un acordo co marqués de Revilla, propietario dos terreos.
Sálvora vista dende Aguiño / Foto: Luís M. Bugallo
Caixa Galicia chegou a un acordo co marqués de Revilla para mercarlle a illa de Sálvora. Situada na boca da ría de Arousa, no Concello de Ribeira, forma parte do parque nacional das Illas Atlánticas. Despois de case catro anos á venda, foi finalmente a entidade que dirixe Xosé Luís Méndez a que se fará cos terreos, de preto de 200 hectáreas e que abranguen tamén os illotes de Noro e Vionta.
A illa está deshabitada dende os anos 70 do século pasado e conta cun pazo, un faro e un reducido grupo de casas onde moraban os seus antigos habitantes. Os detalles da adquisición e o uso que lle reservará Caixa Galicia faranse públicos no acto de sinatura do acordo, o venres, entre Méndez e Francisco de Borja Otero Zulueta de Reales. Por se tratar dunha área protexida e de importante valor ecolóxico, está prohibido construír nela.