O decreto servirá para conservar aquelas especies que polas súas características teñen un valor cultural ou natural salientábel.
O Consello da Xunta aprobou este xoves a creación do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. A iniciativa, posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, pretende darlla unha especial protección a determinados árbores que teñen importantes valores “naturais, culturais, científicos, didácticos, estéticos ou paisaxísticos”. En total están incluídas 108 especies e 22 formacións arbóreas, aínda así o decreto establece o procedemento para a inclusión de novas especies.
Os exemplares protexidos poderán contar con plans de xestión que persigan a súa conservación e mellora. Isto implicará a prohibición de accións que poidan afectar de xeito negativo a integridade das árbores catalogadas. Para calquera proxecto que afecte aos exemplares será preciso contar cunha autorización da Xunta.
Dende que se abriu o período de solicitudes de inclusión de novas especies no catálogo presentáronse xa preto dun cento de propostas. Agora o Comité de Árbores Senlleiras terá que avalialas para ver se cumpren os requisitos axeitados. Este órgano vai estar constituído por representantes de Medio Ambiente, Cultura, Medio Rural e de expertos varios.