Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O prazo para anotarse remata o 28 de marzo

Un curso sobre cooperación ao desenvolvemento en Galiza e na India

Implicadas no Desenvolvemento bota a andar o Vanakkam (en tamil, “benvida”), un programa formativo sobre a cooperación ao desenvolvemento. A primeira fase, formativa, desenvolverase en Galiza, e a seguir, existe a posibilidade de viaxar a Tiruchy, en Tamil Nadu, no sur da India, onde IND apoia un proxecto de desenvolvemento urbano.

Redacción - 09:45 21/03/2007
Parte da comunidade de Tiruchy implicada no proxecto

Parte da comunidade de Tiruchy implicada no proxecto

O ciclo formativo en Galiza terá lugar en sábados e o lugar decidirase segundo a procedencia das persoas que se inscriban, de forma que se facilite a máxima asistencia posíbel. Será presentado o xoves 29 ás 19.30 en Vigo (no centro Crisol), e ao día seguinte á mesma hora en Santiago de Compostela (no local da Asociación Veciñal A Xuntanza, do Barrio de San Pedro).

Ademais existe a posibilidade de que dez persoas do alumnado visiten o proxecto Desenvolvemento Urbano en Tiruchy e completen a súa formación sobre o terreo. A visita farase a cargo de dúas voluntarias da organización e as persoas que participen terán que sufragar os gastos de desprazamento. O requirimento indispensábel é realizar o ciclo formativo completo en Galiza para poder continuar a formación no proxecto. Ao regreso da visita ao proxecto e tamén para as persoas que só realizaron o ciclo formativo en Galicia realizarase unha sesión de avaliación do programa e tamén se verá a posibilidade de implicación das persoas formadas na difusión dos resultados.

O prazo está aberto até o vindeiro mércores 28 de marzo, e a preinscrición é de balde. Unha vez se coñezan os lugares de celebración das xornadas de formación, as persoas preinscritas que non sexan socias ou voluntarias de IND deberán pagar 20 € en concepto de matrícula. Para as persoas asociadas e o voluntariado o curso é gratis. As preinscricións poden facerse en perdoa, acodindo ao Centro Crisol (Rúa das Camelias, 114, portal 2, en Vigo), chamando por teléfono ao centro (886 111 327) ou á coordinadora, Blanca Rodríguez (655 104 179), ou por correo electrónico (info@implicadas.org) cos datos persoais.

O proxecto en Tiruchy

Este programa quere dar a coñecer de forma directa o traballo xeral de Implicadas, e, en concreto, os resultados do proxecto en Tiruchy, que remata en 2007: o seu obxectivo é cambiar a mentalidade e aprender das mulleres, homes e nenas/os dos suburbios que durante os últimos catro anos fixeron esforzos enormes: O programa para o Desenvolvemento Urbano de Tiruchy naceu en 1997 tras un estudo co fin de determinar se IND podería traballar cunha poboación estábel de forma eficaz. Así, seleccionáronse 10 suburbios cunha poboación de 1900 familias. O traballo infantil, e polo tanto un índice de escolarización moi baixo, son problemas moi presente nos suburbios debido ás necesidades económicas das familias. A iso hai que engadirlle as graves carencias de hixiene e infraestruturas nos sectores da educación, a sanidade e a organización comunitaria.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: