O goberno ultraconservador fixará multas, despido e mesmo penas de cárcere para quen faga calquera mención nas institucións académicas.
O ministro Orzechowski
As agresións a gais e en xeral o belixerante clima cara á homosexualidade que enchoupa a sociedade polaca, segundo advirten diversos colectivos sociais, non poderá ser combatida desde as escolas. As asociacións advirten de que as propostas didácticas contra a intolerancia, ou campañas de prevención fronte á SIDA quedarán prohibidas coa nova lexislación que prepara o goberno.
Human Rights Watch critica que o goberno polaco contribúa a estender a "cultura do odio" e teime en discriminar os cidadáns segundo a súa orientación sexual. Hai unha semana, o propio ministro de Educación polaco, Marek Orzechowski, avanzara que a norma que o seu departamento preparaba pretendía "castigar a calquera que promova nos centros educativos a homosexualidade ou calquera outra desviación da natureza sexual". Ademais, o ministro subliñou que calquera mestre que faga público que é gay será automaticamente despedido do traballo. O executivo agarda que a lei estea lista nun mes.