Durante a semana do 19 ao 23 de marzo, o Espazo de Danza da USC circulará por diferentes localizacións da institución académica, en lugares onde non se pode ver habitualmente.
O programa 'Xa que pasas...' iniciouse o luns 19 na facultade de Filoloxía, con actuacións ás dúas e ás cinco da tarde. Continuará o mércores 21 no espazo situado entre a facultade de Dereito e a biblioteca Concepción Arenal, no campus sur, e rematará o venres 23 na facultade de Ciencias da Educación.
O grupo de baile está a interpretar a peza Cun par de TAkóNS co obxectivo de achegarlle a danza ao estudantado compostelán nos espazos onde desenvolve a súa actividade cotiá. Deste xeito, o Espazo de Danza da USC, que dirixe Juan Carlos Zahera, pretende democratizar o baile dentro da escena universitaria.
O Espazo de Danza creouse hai dez anos e, dende entón, trata de implicar todos os membros da comunidade universitaria. En Lugo conta, ademais, coa participación de integrantes de a partir de 5 anos de idade.